Protestas nas Sucursais de Esgos e A Derrasa

30.10.2012 20:20

Esta mañá a plataforma de Ourense de Afectados polas preferentes e subordinadas estivo protestando nas sucursais de Novagalicia Banco de Esgos e a Derrasa. Nas sucursais destes dous pequenos concellos do rural segue habendo centenares de afectados que aínda non recibiron ningunha solución, e seguen esperando respostas da arbitraxe.
A protesta pacífica consistía en realizar xestións nas sucursais, ademais de demandar información sobre as súas reclamacións respecto ás preferentes e subordinadas. O director dunha das Oficinas reclamou a presenza da Guardia Civil, que identificou a todos os afectados.

Os afectados seguen reclamando unha solución rápida xa que dende que pasaron as eleccións, desacelerouse a arbitraxe, e seguen sen os seus aforros. Os afectados esperan respostas porque moitos deles puxeron as súas reclamacións no Instituto Galego de Consumo fai 3 meses, e o banco inda non lles deu ningunha resposta sobre se podía acudir ou non á arbitraxe. Ao mesmo tempo Novagalicia Banco está falando de miles de expedientes dudosos en espera de ser analizados pola consultora contratada para isto. Finalmente, ninguén sabe ata cando estará operativo o sistema da Arbitraxe, e os aforradores agardan preocupados a chegada da quita que negocia o Goberno de España con Bruselas e que suporá importantes perdas dos seus aforros.

Non imos calar ata os cartos recuperar!

Seguiremos protestando ata que se lle devolvan os aforros a todos os afectados estafados!!